Saturday 18 de May de 2024

Continúan as reunións co sector cunícola para mellorar a situación dos produtores


A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantivo un novo encontro cos representantes para explicarlles os avances logrados ata o de agora

A Consellería do Medio Rural segue a manter reunións periódicas co sector cunícola. O último encontro foi o que mantivo a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, cos representantes de Cunigalicia para ver os avances das medidas aplicadas e coñecer tamén as novas necesidades do sector.

Entre todas elas destacan as axudas á liquidez para pequenas e medianas granxas de cría de coellos, para as que o prazo de solicitudes xa está pechado e recibíronse ata 179 peticións. Trátase de paliar así, a través dunha axuda directa, os déficits de explotación no sector mentres non se restablece o equilibrio entre os custos de produción e os prezos de venda.

Doutra banda, ao longo da reunión, Belén do Campo tamén informou aos produtores que, a petición do propio sector, incrementouse a porcentaxe de axuda que o Goberno galego aporta para a retirada de cadáveres, dentro do plan de seguros agrarios. Esta era unha das reclamacións máis demandadas.

Labor mediadora
Doutra banda, a directora xeral tamén aproveitou para tomar nota e falar dos asuntos que aínda están en trámite. Neste senso, a Consellería está mediando co Goberno central para permitir o sacrificio de animais dentro das explotacións cunícolas, iniciándose o período de consultas do Real Decreto por parte do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad ás CCAA, que rematará o 9 de setembro. Do mesmo xeito, entre os retos pendentes, quedaría por diante crear unha organización de produtores cunícola, iniciativa que xa foi trasladada tamén ao Ministerio e que depende da aprobación do Real Decreto polo que se regula o coñecemento das organizacións de produtores e as súas asociacións no sector cunícola.

Doutra banda, Belén do Campo e os representantes do sector fixeron balance dos avances xa conseguidos como a redución de módulos do IRPF, logrando que se aplicara unha diminución do 0,13 ao 0,07 debido a caída dos prezos do coello. Deste xeito, con todas estas medidas, a Consellería do Medio Rural está tratando de dar resposta a cada unha das necesidades do sector.